samedi, octobre 12, 2013

CANTOS DE MALDIZER











CANTO DOUS

... é que nin sequera nos mirou. aquel riso amábel foi unicamente un exercicio mecánico para protexer o segredo: a espiña seguía aprentándolle a gorxa cun vento frío que fluía por ambos lados. por iso enfríaba o silencio-porque as temperaturas desa zona interior facíanse extremas. a intensidade ficou pois prendida nese pau fino. quieta...


se puider cantar este canto botariamos por fóra a delicadeza contida na fríaxe. poderiamos ir ao centro do forno e liberar tanta angustia conxelada: arderiamos por dentro-pero talvez nunca poderiamos extirpar o temor. a impresión que o medo suscita permanece nalgún lugar da memoria-queda alí oculto. reaparece cando menos o esperamos. gustaríame ter un mapa para transitar polo inferno e non perderme nesas caras-tantas e tan idiferentes-co seu aparente estupor.


...é que non había moito que mirar-así é que colleu o aire que lle saía pola boca e meteuno naquela caixa das cousas terríbeis. ás veces creo que gardar o que nos arrebata a calma en caixas é un modo de suspender o tempo. coma quen deixa a dor para máis adiante porque se cadra é certo iso de que co tempo adiquirimos certa perspectiva. pero a espiña aínda estaba alí: rompendo a dor en dúas mitades...


caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!

 

dimanche, octobre 06, 2013

UNHA APROXIMACIÓN Á ESTÉTICA DO ASOMBRO EN CARLA ANDRADE: ESE RETORNO IMPRESCINDÍBEL


UNHA APROXIMACIÓN Á ESTÉTICA DO ASOMBRO EN CARLA ANDRADE: ESE RETORNO IMPRESCINDÍBEL (artigo publicado na revista dixital Incomunidade)








Las fotografías son en efecto experiencia capturada y la cámara es el arma ideal de la conciencia en su talante codiciosoSobre la fotografía. Susan Sontag






Plossu, ademais de Jochen Lempert e Edward Steichen, é un dos fotógrafos citados por Carla Andrade (Vigo, 1983) ao falar de preferencias nunha entrevista sobre o seu traballo fotográfico. Daquela, para comprender mellor as imaxes da artista viguesa, poderiamos lembrar aquilo que dixo Bernard Plossu (Dà Lat, sul de Vietnam, 1945) das súas propias. “ Eu fotografo o tempo, -dixo o francés- a chuvia, a calor, a neve, o vento. Cando tiro fotos dunha paisaxe, é o clima desa paisaxe o que vexo: é o que crea o ambiente”. Nesta frase obteremos unha “pista” para nos achegar ao que realmente atrae das imaxes de Paths to Land, de Carla: o brancor. Esta cor adquire un protagonismo absoluto nos retratos do territorio mental que se nos ofrece. Temos branco sobre negro, ou gris. Branco sobre azul cincento. Tamén sobre marrón. Mesmo temos branco en certas imaxes nas que esta apenas aparece, en favor doutras cores.


Tendo conta disto, da insistencia nesa luminosidade fría que dispensa o brancor, o esperábel é preguntarse o porqué do uso recorrente desta cor. Porén, o máis interesante, ao meu entender, non é tanto descubrir a causa, mais saber, primeiramente, se conseguiu o que se propuña e de que maneira o fixo.

O que se propuña: suscitar a curiosidade, provocar estupor, desconcerto. Nisto apenas se diferenza doutras artistas que, obviamente, desexan ser percibidas. O que xa resulta máis interesante é o modo en que o fai: Carla Andrade tira todo dereito, sen complexos, nunha aparente marcha atrás, para recuperar a estética do romanticismo e volver ás preocupacións ao respecto do ser e do tempo.


A posmodernidade ansiosa vive inmersa en compartimentos que, inxenuamente, percibe como estancos. Desenvolve múltiples actividades, corre dun lado ao outro e máis parece que “mata o tempo” no canto de o sentir plenamente. Para que nos entendamos, na sociedade posmoderna o espazo foi colonizado por un falso concepto de eternidade instantánea cuxo berce é a confusión entre recorrencia secuencial de feitos e duración dun feito único. A domesticidade axuda a mesturar “repetición” con “estensión” de modo que o simple acto de regar as plantas ao longo dos anos, fainos crer que é este un instante eterno que cómpre ser vivido á marxe doutros, así é que separamos, fragmentamos o continum amorfo do cotián e con el a nós propios/as.

O suxeito que rega as plantas nada ten que ver co que despois escoitará a Bob Dyland ou lerá os obituarios na prensa. Consecuentemente, temos diante nosa un individuo trino, sen ironía, que se adecúa perfectamente ás diferentes situacións ofrecendo unha faciana distinta en cada unha. O “poliédrico” adquire relevancia fronte a “unicidade” que perde interese. Parece que ambas as dúas visións sexan excluíntes, así é que o fío que podería conectalas rompe. Desaparece. Vívese o fugaz, nunha obsesiva inclinación polo instantáneo sustentada no hedonismo. O pracer, a comodidade, a satisfacción rápida, moven o espírito deste “eu incadescente” que, poucas veces, contemplará ás necesidades do outro. Ou da outra. O devandito suxeito posmoderno, de identidade múltiple, concéntrase en si mesmo nun paradoxal exercicio de autocentrismo, malia esta pluralidade de “eus” que o habita, e así aparece reflectido nas artes e na literatura por medio deses “reality bites”, isto é, anacos de realidade fragmentaria poetizados até a extenuación.

Carla Andrade decide romper con esa obsesión pola desestruturación do individuo e a fealdade, tantas veces impostada, de ámbitos urbanos. O cinismo e o desencanto perden protagonismo para ela. No seu lugar devólvenos a idea do “asombro” como punto de partida para calquera análise ou modo de expresión. O silencio é recuperado do ruído de fondo que habita no imaxinario posmoderno para ser devolto ao seu lugar: o entorno natural: aquel oikós helénico que facilitaba o contacto humano co universo.


Nesta procura de “pillar” o silencio no seu tímido esplendor cómpre ser conscientes da influencia de Lois Patiño e, consecuentemente, James Benning (Milwaukee, 1942) ou Henri Bergson (1859-1941), na obra de Carla Andrade. Tanto Lois coma Carla recollen de Benning o interese polo silencio e de Bergson a atracción pola duración. Por iso nos seus traballos observamos a presencia constante do tempo da conciencia ligado ó espazo que remata sendo, no caso de Andrade, un significante do "instante producíndose na conciencia" cuxa banda sonora non é outra que o devandito silencio retratado nese brancor impresionante.

O pano de brétema que aparece nalgunhas imaxes será o que confira ás fotos ese aspecto inquietante. Séntese na envoltura borrosa que dispensa o “sfumato” un murmurio suave e misterioso. Coma voces que se perden no fondo dese tempo espacial desconcertante, a artista viguesa consegue suscitar a nosa curiosidade. Que haberá máis alá? Que será o que nos agarde detrás da brétema? Estas preguntas xorden a raíz do contraste que se ofrece entre a inmensidade do mundo natural e o individuo que, ou ben aparece no fondo, ou simplemente non está. Entendemos que a inmensidade da natureza conseguida co retrato das montañas nevadas resulta abrumadora para un ser humano que, consecuentemente, se ve minimizado e perde protagonismo. O que importa entón non é esta figura humana, mais a natureza e a relación que podería existir entre ambas as dúas. Do mesmo xeito que Lois Patiño no seu documental experimental “Montaña en sombra”, as persoas, nas fotos de Carla, son contempladas dende a distancia, en oposición ás montañas branquísimas, que son miradas de fronte.



Nisto, na memoria perdida desta comunión entre o ser humano e o antigo “oikós” é onde o traballo de Andrade se volve máis afouto e interesante. Fóra desa tendencia posmoderna de retratar o sucio, Carla Andrade, consciente da necesidade dun “salto estético”, busca inspiración na anterioridade envolvendo cada imaxe dese claror romántico que engaiola. Recupera pois a idea da fraxilidade humana, fronte o desencanto cínico decadente, inmerso no resaibo e na insatisfacción, para propór a observación da contorna e recuperar o deleite desa contemplación que permite entrar no goce do “instante pleno” do que fala Lois Patiño.


Así, en “Camino-Hombre-Humo” -pertencente ao proxecto artístico “Paths to land”- por exemplo, a figura do home -situado ao fondo dunha estrada, diante dunha nube de fume que ascende verticalmente-, trae á memoria “O camiñante sobre o mar das nubes”, do pintor alemán Fiedrich Caspar (1774-1840). Como Caspar, Andrade captura a figura masculina por detrás e, sen dificultade, intuímos, como no cadro do alemán, o desconcerto ante esa fumareda branca que insiste na inmensidade do natural. En ambas imaxes prevalece o brancor sobre a cor máis escura das rochas -no cadro de Caspar- ou da estrada -na foto de Carla-. Daquela, o frío invade a ollada e pode sentirse certa inquietude. Porén, se no caso do alemán, o home do cadro adopta unha postura corporal de seguridade que transmite certo desexo de dominio, isto é, de non caer no abismo situándose por riba da natureza co intención dominala, a figura humana da foto de Carla Andrade, vese máis fráxil, así é que observa con atención o fenómeno. A idea non é a dominación, mais a convivencia harmónica, sabendo que, en calquera momento, a nosa prepotencia será derrubada pola impacto dun fenómeno natural calquera que nos lembrará cal é a idea esencial para estar no mundo: a de ter conta do asombro como premisa indiscutíbel para coñecer e comprender o existente.









CANTOS DE MALDIZER

... de cada visión tirar un verso. facer vultos poéticos e alimentar con eles ás crianzas ...


 canto un


 ... é que tiña unha espiña dentro. por iso non podía respirar ben. falaba en anacos-porque as frases partían no punto exacto que separaba o dito daquilo que quedaba por dicir... tampouco podía murmurar. iso sería como comerse a si mesma e ninguén que desexe ser amada querería alimentarse da carne propia. se o fixer-que quedaría para entregar?





estes cantos serán un clamor para os corazóns ennegrecidos pola grisalla-porque finalmente soubemos o máis importante de todo: o inferno estaba alí mesmo-fronte á farmacia. pouco ou nada había nel de singular que puidese resultar interesante. dante pasouse tres pueblos coa descrición do imperio da malicia.





... é que a espiña estaba alí dentro-atravesando a tráquea-así que o aire envurullábaselle no medio-transformando todo noutra cousa. precisa-repetías en tres golpes de voz-e eu intentábao: berraba cos ollos o que non podía expresar en palabras. era tan estraño... o propio silencio partía-como partiran as cousas que perderamos anos atrás. malia todo-aínda hai días preciosos-nos que lembro como soaba eu na túa boca. non sei porque-mais hai recordos que nunca logramos romper.





impresión ante o forno: ese que temos preto da casa e que nos pon a pel de galiña. a antropofaxia actual repítese dúas veces por segundo-conste. eu vin mastigar a autoestima da xente con fruición. a vergonza atravesáballes as meixelas trala infamia. pero-raramente-isto derivou en comportamentos positivos.

caerán cristais dos ollos das casas e o ceo botará peixes sobre nós. e que caia de todo por todas partes!