mercredi, avril 02, 2008

O ESTRANXEIRO EN TERRA PROPIA

AUTOXENREIRA

Collo o dicionario e busco xenreira, así, sen composición de ningún tipo. Xa no interior, dou coa páxina exacta onde figuran distintos sinónimos como animadversión, antipatía, aversión, fobia, manía, odio… Entón comprendo que isto da xenreira ten matices escuros, coma lamazais podres, que manchan e mancan ós corazóns de quen a padece porque, ser odiado ou rexeitado resulta duro e obriga a unha loita intestina por non prestar atención a eses tigres feroces e doentes que nos cravan as unllas por diante, ou por detrás. O caso é que para odiar con xeito, hai que ter vocación de permanencia, insistir nese duro asunto e non deixar o corpo baleiro, estendido nun campo de millo ao arbitrio de algo tan sinxelo coma o ar fresco e rotundo, que move e remove nas vísceras infectadas por tal veleno incuestionábel. Neste punto, creo que podo afirmar que odiar é un hábito insá que desvirtúa a realidade e a deforma, coma unha goma elástica, e moitos dos que lean isto estarán de acordo comigo. Porén, imos avanzar e darlle forma a este sustantivo, imos engadir auto, que significa un mesmo, e vexamos o cambio semántico que sofre este vocablo. Agora a fobia e a animadversión recae sobre a propia fonte da enfermidade, enredadada nel coma unha cobra deseperada e triste. Como pode un odiarse a si mesmo? Pois aínda que pareza mentira hai moitos que o fan por carecer de autoestima e non saber valorar a propia persoa. Así destrúen e devastan a autarquía emocional ficando sen recursos, pobremente aillados pois non poñen en valor nada de seu e, pola conta, sobrevaloran o que lles resulta alleo. Un exemplo claro disto é o mal endémico de avergoñarse do galego e non defendelo con feitos, escritos ou orais, como sexa. Alegando universalismo, estas víboras lingüísticas chegan a afirmar que non teñen porque escoitar estupideces, que eles son cidadáns do mundo… Inaudito. Como pode un afirmar que é cidadán do mundo se a súa procedencia é tan difusa que, por dicilo dalgún modo, xa case nin existe? Quen pode fiarse dunha persoa insegura e lábil, que rexeita a propia cultura, renegando da lingua e da tradición? Como saudar a alguén que di que empregou o Estatuto da Galeguidade para limparse no retrete? Evidentemente facendo uso da xenerosidade galega, herdada, no meu caso, das terras do Bolo, onde aprendín que debemos axudar os que non teñen. E, verdadeiramente, estes españolistas que dan tanto noxo, son unicamente pobres, pero de espírito. Convén darlles algo diso.

ROSA ENRÍQUEZ

INFORME A TODOS OS BLOGGERS:
Fotocopiei o Estatuto da Galeguidade de Elos e paseillo a algúns compañeiros. Un deles dixo que o utilizara para limparse o cu no baño. Quedei alucinada ante o profundo desprezo polo país e mala educación. Normalmente teño escoitado topicazos coma o de que os nacionalistas somos uns radicais ou mesmo paletos intolerantes, e xa paso pero isto... Isto foi demasiado para min. Se eu fose de Sevilla, Teruel, Murcia, Castilla la Mancha, Burgos( patria do Cid, icona do universo castelán) non me fiaría deste tipo de xente. Como fíarse de quen non confía nin valora e para nada defende o propio?
Rosa-Valedeorosa, nacionalista, independentista e radical, a moita honra dixit felice porque está ben contenta de ser muller e galega.
Un bico a todos.