lundi, juin 25, 2007

FELIZ VERÁN A TODOS DENDE ARETX

Chamei o verán a berros dende a miña casa. Chameino dende a xanela, dende o balcón, diante da porta, no xardín...



Clamei coma unha bolboreta estendendo as mans irisadas entre luces artificiais con sabor a un anís antigo, como de hai cen anos.

Solicitei ter un desexo. Fíxeno con moita forza e
cando un desexa algo con moita forza nácelle un anhelo impenitente, intermitente e acedo. É unha sensación estraña como de fervenza íntima, algo parecido a unha derrota pero non é unha derrota porque as derrotas fumigan os restos do que queda, do que non queda, do que existe e do que non. As derrotas son un vestido amargo, unha palidez de anémona espida, unha despedida. Non debemos entregar as armas do silencio, nin todas as bocas abertas. Temos un nome e un espacio habitable, temos unha consciencia de pertenencia a un estado, libre e republicano, temos as mans abertas para coller todas as rosas que nos pertenecen por decreto. Ninguén pode roubarmos o alento infatigable, a loita continua e os furacáns de mariquiñas que configuran ese desexo.



Pretendín un sol no inverno. Arricáronme o corazón en anacos detrás das portas. Pero seguín soñando cun verán rachando nos postigos da tristura.Collín o sol cas mans e faleille baixiño, como quen quere contar un segredo, pregunteille pola inocencia. "Onde reside?" Díxome: "Búscaa sempre fóra, onde non hai trámites, onde non existe o pudor nin os traxes, onde florecen as pedras..."


Que difícil, pensei, como poden florecer as pedras... Pois florecen porque na inmensidade do universo todos somos parte de algo e podemos acadar o don da marabilla.


Coller o sol coas mans é como portar un tesouro dentro, como levantarlle a saia aos faraóns e enterrar no chan as simas profundas, algo semellante a erguer un trono de perdón e fortalezas.


DESCUBRIR UN MUNDO COMA ESTE, APARENTEMENTE PEQUENO PERO INMENSO FOI COMA TER UN SOL NAS MANS, UN SOL QUE LUCE DENDE FÓRA, ONDE FLORECEN AS PEDRAS.

Quero adicar este post de verán e sol a todos vós, en agradecemento ás vosas visitas:
MENCÍA (SANGUE DE BREOGÁN), MORALLA (LIBÉLULA GOLPEANDO NO TAMBOR. DÉBOCHE UNHA HOMENAXE AÍNDA), TORREIRA (DAS MIÑAS PRIMEIRAS VISITAS. GRAZAS CABALEIRO), BRAIS( O MEU PRIMEIRO VISITANTE CHEGADO DENDE O NORTE CUN CORAZÓN NAS MANS) , NENO CONGOXA(POETA EN REDE, LEDE¡¡¡), O MEU CAPITÁN HARVEY( ALIAS MODERNO DE MERDA E GOREVISIÓN), DOUTORA(RECÉTEME ALGO PARA ESTE SOL PORFA) RA COMA UN SOL OSIRIFICADO, A MAXESTADE DA RAÍNHA VERMELLA, TORREDEBABEL (TECENDO UN FÍO DENDE MOI LONXE ATA ARETX. GRAZAS), NHUSKO(GRAZAS POLO CONSELLO), NATYARA(DENDE AQUEL NADAL...), FRANÉTICO(TREPIDANTE ROCK DE PALABRAS), RAPOSO(POETA), AMOR(AMIGO), MARCOS NA SOLAINA DAS UVAS(GRAZAS POLAS TÚAS PALABRAS),PAIDELEO,MOUCHO BRANCO(MORDAZ E DIVERTIDO), OQUETENCUTENMEDO, MARGOT TENEBAUM... hAI MOITOS MÁIS. sEGURO QUE ESQUEZO A ALGUÉN: DESCULPAS ANTICIPADAS.


AOS MEUS AMIGOS: OERIUS E NTLV POLA SÚA INCONDICIONALIDADE.